Un veciño de Cambados, de 47 anos, foi detido pola Garda Civil como presunto responsable das pintadas realizadas nun dos muros da igrexa de San Bieito. O arrestado enfróntase a un cargo por danos ao patrimonio, segundo informou a Comandancia de Pontevedra.
Os feitos ocorreron na madrugada do 30 de maio e o 9 de xuño. Nunha primeira ocasión, realizouse unha pintada co nome dunha persoa. Posteriormente, tachouse unha frase anterior, reescribiuse o nome e engadíronse dúas frases: "Por orde da G.C. UCO" e "Escoitan os pensamentos".
Tras a identificación do presunto autor, a Garda Civil rexistrou o seu vehículo e a nave onde traballa, incautando un bote de pintura en spray negra, compatible coas pintadas.
Aínda non se valoraron os danos. A igrexa, ao ser un ben de interese cultural, requirirá un tratamento especial de limpeza para restaurar o muro afectado.
O detido quedou en liberdade en sede policial e as dilixencias foron remitidas ao xulgado de instrución de Cambados.




