A iniciativa cultural busca poñer en valor a figura da xornalista e escritora Begoña Caamaño, homenaxeada este 2026 pola Real Academia Galega. O contacontos chegará a 35 concellos de menos de 50.000 habitantes da provincia de Pontevedra.
As sesións terán lugar ás 10:00 horas na Casa da Cultura de Ribadumia e ás 12:00 horas no CEIP A Lomba de Vilagarcía de Arousa. A actividade está dividida en tres partes: narración da biografía de Caamaño, realización dunha ilustración e interpretacións musicais.
Posteriormente, xerarase un debate sobre a figura homenaxeada nas Letras Galegas deste ano e rematarase cun obradoiro no que os asistentes realizarán unha caricatura da autora.
Begoña Caamaño desenvolveu gran parte da súa carreira na Radio Galega, nos servizos informativos e culturais, dirixindo programas como "Andando a Terra" ou "Club Cultura", e destacando polo seu xornalismo comprometido coa realidade social galega.
Como escritora, acadou recoñecemento con novelas como "Circe ou o pracer do azul" (2009) e "Morgana en Esmelle" (2012). Tamén destacou polo seu compromiso co feminismo, a defensa da lingua galega e a participación en movementos sociais.




