A localidade de Meaño, na comarca do Salnés, acolleu este domingo a xornada principal da XXV Festa do Viño, un evento que reuníu a numerosos asistentes no contorno do Pazo de Lis. A festa, marcada pola tradición e o apoio ao sector enoturístico, tivo como un dos seus momentos culminantes a intervención do presentador Carlos Sobera.
Carlos Sobera, nomeado 'Cabaleiro de Mérito' pola Cofradía de Gastronomía e Viño Corazón do Salnés, dirixiu un pregón festivo que arrincou aplausos e sorrisas do público. Durante o seu discurso, o comunicador eloxiou a alta calidade dos viños producidos en Meaño e a riqueza gastronómica da rexión.
Os actos centrais incluíron un desfile de autoridades, bodegueiros e cofrades. Un total de 32 cofradías de España, Portugal e Italia participaron no percorrido dende o Pazo de Lis ata a carpa da festa, xunto ao alcalde de Meaño, Carlos Viéitez, o presidente da Deputación, Luis López, e o deputado de Cultura, Jorge Cubela.
Neste contexto, Luis López foi nomeado 'Embaixador de Honra' da festa. O titular provincial agradeceu o recoñecemento, subliñando o seu impulso para promover un turismo sostible e descentralizado, ademais de seguir apoiando aos concellos e ao sector agroganadeiro.
A Cofradía de Gastronomía e Viño Corazón do Salnés tamén nomeou novos membros: María Jesús Sineiro, Rosa Ana Pouso, Janet Mejuto, Carlos Duymovigh, Raúl Alberto, Javier González, Silvia Aboy e Ángel Sineiro.
A celebración oficial concluíu coa visita das autoridades e a comitiva aos postos dos bodegueiros, considerados os artífices desta cita enoturística que se consolida como unha das de maior tradición e asistencia na provincia de Pontevedra.




