O Atlantic Fest celebra este verán a súa décima edición, consolidado como unha das citas musicais imprescindibles dos Concertos do Xacobeo. Do 17 ao 19 de xullo, a Praia da Concha de Vilagarcía de Arousa volverá acoller un festival que combina música, paisaxe, gastronomía e identidade propia, converténdose nun dos grandes atractivos culturais e turísticos das Rías Baixas durante a tempada estival.
O comisario do Xacobeo 2027, Marcos Gómez Román, destacou na presentación que "a través dos Concertos do Xacobeo seguimos apoiando eventos que enriquecen a oferta cultural da nosa comunidade e que contribúen a proxectar Galicia como un destino de referencia para vivir grandes experiencias musicais".
Sinalou que "o Atlantic Fest representa á perfección ese modelo de festival que combina excelencia artística e territorio, xerando un importante impacto turístico e económico para Vilagarcía e para toda a comarca do Salnés". O representante da Xunta lembrou ademais que os Concertos do Xacobeo apoian este ano máis de 50 eventos e festivais na provincia de Pontevedra.
A décima edición presenta un cartel con nomes internacionais como Franz Ferdinand (única actuación en Galicia), Two Door Cinema Club e Shame. A representación estatal inclúe a Carolina Durante, Los Planetas, Nacho Vegas, Depresión Sonora e Joe Crepúsculo.
O talento galego estará representado por Carlos Ares, Triángulo de Amor Bizarro e Nadadora, que regresa aos escenarios tras máis dunha década.
Os Concertos do Xacobeo, impulsados por Turismo de Galicia, apoian máis de 185 festivais e concertos en 80 localidades galegas, con máis de 800 artistas en 2026, buscando favorecer o turismo e a oferta cultural deslocalizada ao longo de todo o ano.




