A localidade de Sanxenxo acolle unha nova edición da tenda efémera Summer Shop D-Due & Artesanía de Galicia, unha iniciativa que busca potenciar a comercialización e a proxección dos produtos artesanais galegos. A proposta, que xa cumpre a súa sexta edición, é froito da colaboración entre o Goberno galego, a través da Fundación Artesanía de Galicia, e a marca de roupa D-Due.
O director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, e a xerente da Fundación Artesanía de Galicia, Elena Fabeiro, visitaron as instalacións desta tenda temporal, situada na rúa Madrid da vila pontevedresa. O espazo, aberto ao público ata o remate do mes de agosto, combina as creacións da marca de moda D-Due cunha coidada selección de pezas de 35 obradoiros inscritos no rexistro de Artesanía de Galicia.
Os visitantes poderán atopar artigos de cerámica, coiro, cerería, complementos de moda, cestería, téxtil artesanal, figuras de miga de pan, produtos elaborados con técnicas de redeiras, madeira, colareiras, encaixe, encadernación, xoiería e olería tradicional de zonas como Buño, Gundivós e Niñodaguia. A tenda ofrece un punto de encontro entre a creación contemporánea e a tradición dos oficios artesáns de Galicia.
A colaboración entre a Fundación Artesanía de Galicia e D-Due remóntase a varios anos atrás. Desde 2021, a marca de roupa organiza esta Summer Shop en Sanxenxo, que durante os meses de xullo e agosto expón tanto as súas coleccións como pezas seleccionadas de artesáns galegos. En 2025, esta alianza estendeuse tamén á capital de España, cunha tenda efémera no Hotel Santo Mauro de Madrid na que participaron oito obradoiros.
A Summer Shop de Sanxenxo mantén un horario de apertura de luns a sábado, de 10:45 a 14:30 e de 16:00 a 22:00 horas, mentres que os domingos o horario redúcese á quenda de mañá.




