A dirección artística, liderada por Sabela Mendoza e Gena Baamonde, presentou un adianto da edición, cuxo fío condutor é o concepto de "cita": un encontro coas outras persoas, coa memoria e coas escenas que nos fan vibrar. A organización convida a "citarse un ano máis" coa mostra, destacando que "A MIT é a mesma e diferente cada ano" e que "a arte segue sendo un refuxio colectivo para o posible" en tempos difíciles.
Esta edición contará con 25 espectáculos e máis de 10 actividades paralelas de mediación e formación, ademais de reforzar os espazos de encontro profesional e intercambio de pensamento. Entre as propostas desveladas, a compañía galega Chévere abrirá a mostra con ICTUS (anatomía de ‘A derradeira leición’ de Castelao), unha peza sobre memoria histórica e democracia con lingua de signos e audiodescrición.
Tamén se presentará José Afonso, ao vivo nos Coliseus, 1983 do Teatro Experimental do Porto, unha proposta escénico-musical sobre a memoria portuguesa. A compañía A Feroz estreará en España A Fortaleza, que recupera a memoria das guerrilleiras antifranquistas galegas.
Desde unha perspectiva íntima, a compañía mexicana Pornotráfico presentará Mi madre y el dinero, que afonda nas consecuencias do colonialismo económico. Na sección de "Cita con escenas que nos fan vibrar", a creadora Cris Balboa achegará Roland mon amour, e a Premio Nacional de Danza Janet Novás, xunto a Mercedes Peón, despedirase dos escenarios con Mercedes máis eu.
Outras propostas inclúen Atlas de anatomía da bailarina Paula Quintana, Estudio para unha extracción de Poliana Lima, Hospital de campo de Societat Doctor Alonso, e Enchivas da creadora galega Begoña Cuquejo.




