A Sala desestimou o recurso presentado pola defensa do acusado, ao non atopar un criterio "erróneo ou irracional" na sentenza emitida pola maxistrada do Tribunal de Instancia de Ribadavia. A resolución subliña que as denuncias por "insultos homófobos e ameazas de morte" non foron incidentes illados, senón que se "reiteran desde principios do ano 2025 aumentando progresivamente".
A representación procesual do acusado alegara a falta de indicios de criminalidade, argumentando que só existían "versións contraditorias dos intervinintes" e "sen testemuñas presenciais ou gravacións" que puidesen corroborar a acusación. Tamén cualificou a medida cautelar de "desproporcionada" ante supostas ameazas que "non son graves", insistindo en que "non existiu en ningún momento risco real para os denunciantes".
Os feitos, segundo o auto do tribunal provincial, ocorreron o 3 de setembro de 2025, arredor das 20.30 horas. Un dos querelantes chamou a atención do condenado ao velo ouriñar nunha fonte pública. En resposta, o procesado sentou nun banco fronte á casa da parella, comezou a insultar á vítima e causou danos en macetas, chegando a ouriñar na porta da vivenda.
Nese momento, a parella do primeiro, que estaba na cociña, abriu a porta debido ao balbordo. O condenado procedeu entón a insultalo, ameazalo e continuar coa destrución da propiedade. Un dos denunciantes contactou coa Garda Civil, informando que os insultos como "maricóns de merda" e as ameazas de morte, incluíndo a intención de "queimar a súa casa con eles dentro", comezaran "no principio do ano sen motivo aparente", máis alá da "condición homosexual dos denunciantes", e que a situación "fora empeorando co tempo".




