O GDR Pontevedra Morrazo organizou os días 2 e 3 de novembro no Pazo da Cultura de Pontevedra as xornadas «Paisaxes resilientes: do diagnóstico á acción». O encontro serviu para que especialistas científicos e técnicos, xunto a xestores do territorio, analizasen os factores que condicionan a vulnerabilidade da paisaxe fronte aos incendios forestais e debateran sobre modelos de xestión máis activos, diversos e sostibles.
Estas xornadas dan continuidade ao traballo de sensibilización do GDR e á campaña de 2025 «Paisaxes resilientes contra o lume. O momento é agora!». O obxectivo principal foi avanzar da concienciación social á análise de alternativas e condicións para construír paisaxes máis resilientes.
A primeira xornada centrouse na evolución da paisaxe e na súa vulnerabilidade, con relatorios de Juan Picos Martín e Adrián Regos Sanz sobre a transformación dos usos do territorio, o abandono e os novos escenarios de lume. A mesa de debate, moderada por Elvira Santiago Gómez, contou coa participación de Xavier Simón Fernández, Quico Ónega López e Joám Evans Pim, abordando perspectivas ecolóxicas, económicas, sociais e comunitarias.
A segunda xornada enfocouse nas ferramentas para levar as propostas á práctica. Inés Santé Riveira falou da ordenación e mobilización do territorio, mentres que María Rosa Mosquera-Losada tratou os sistemas agroforestais e a diversificación produtiva. A mesa, moderada por Emilio Díaz Varela, incluíu tamén as experiencias de Ovidio Queiruga, Sergio Chapela, Francisco Pedras Saavedra e Lito Prado en xestión comunitaria, silvopastoreo e innovación forestal.
Unha idea clave foi a necesidade de abordar a prevención dos incendios desde unha perspectiva territorial, máis alá da resposta inmediata ao lume. A vulnerabilidade da paisaxe é froito da interacción de múltiples factores, como os cambios nos usos do solo, o abandono, a estrutura da vexetación e as condicións climáticas, polo que non existen causas nin medidas únicas.
As reflexións apuntaron á importancia de avanzar cara a paisaxes máis diversas e xestionadas, favorecendo a recuperación de usos, os mosaicos agroforestais, a mobilización da terra e a implicación das comunidades. Estas actuacións requiren adaptación ás características locais e planificación.
Outro eixo central foi a viabilidade das propostas de transformación da paisaxe. A planificación debe ir acompañada de instrumentos de mobilización, acordos entre axentes, capacidade técnica e modelos produtivos economicamente viables. As experiencias compartidas mostraron a diversidade de iniciativas e a importancia de considerar custos e requisitos.
As xornadas destacaron a importancia de conectar coñecemento científico, planificación e experiencia práctica, incorporando participación e viabilidade económica. O GDR Pontevedra Morrazo valora estes espazos de encontro para identificar oportunidades e reforzar a capacidade colectiva de xestionar o territorio.




