A conselleira do Mar, Marta Villaverde, formalizou hoxe en Santiago de Compostela un acordo de colaboración con Octolarvae, entidade de I+D+I acuicultura rexenerativa do grupo Profand. O convenio ten como finalidade o desenvolvemento de tarefas conxuntas orientadas á recuperación, incubación controlada de postas viables de cefalópodos e a posterior liberación de larvas e xuvenís ao medio mariño. No acto tamén participaron o director técnico de Octolarvae, Álvaro Roura Labiaga, o director de Sostenibilidade de Profand, Antonio Álvarez, e o subdirector xeral do Servizo de Gardacostas de Galicia, Juan Carlos Codesido.
O acordo establece un procedemento operativo coordinado para rescatar os ovos de especies de alto valor comercial e ecolóxico, como o polbo común, o choco e a lura, que sexan detectados en aparellos de pesca ilegais ou non identificados retirados polos axentes de Gardacostas nas augas galegas. O obxectivo principal é minimizar a mortaldade destas postas, aproveitando o seu potencial biolóxico para labores de acuicultura rexenerativa e fortalecer a recuperación das poboacións naturais nas rías.
A zona de actuación prioritaria céntrase na franxa costeira entre a ría de Vigo e a ría de Pontevedra, garantindo tempos de resposta rápidos pola proximidade das instalacións de Octolarvae en Meira, concello de Moaña. O protocolo inclúe medidas de manexo biolóxico, co persoal de Gardacostas encargado de manter as postas en capachos con auga de mar renovada ata o seu transporte en tanques homologados, acreditando a trazabilidade mediante actas formais.
Todo o material biolóxico recuperado destinarase exclusivamente á investigación científica, á incubación asistida e a posibles soltas de repoboación, prohibíndose calquera tipo de comercialización dos ovos ou larvas. O convenio terá unha vixencia inicial dun ano, prorrogable ata catro, e enmárcase nos obxectivos do Plan galego de investigación e innovación 2025-2027 e da Estratexia de Especialización Intelixente (RIS3).




