A xornada, que xa celebra a súa undécima edición, ten como obxectivo dar visibilidade á Esclerose Lateral Amiotrófica (ELA) e apoiar ás persoas que conviven con esta enfermidade. Durante o evento, Rodríguez valorou o traballo incansable de entidades sociais como Agaela, que achegan a realidade da enfermidade, impulsan a investigación e contribúen a que os doentes conten cos recursos e atención necesarios.
Neste contexto, o xerente lembrou o compromiso da Xunta coas persoas afectadas pola ELA e as súas familias. Galicia foi a primeira comunidade autónoma en España en conceder unha prestación económica anual de 12.000 euros para axudar a afrontar os gastos derivados da doenza.
Finalmente, Perfecto Rodríguez reclamou, unha vez máis, que o Goberno central estenda estas axudas a todos os galegos con ELA, permitíndolles utilizalas nos servizos que máis precisen e que mellor se adapten ás súas necesidades específicas.




