O rexedor asegurou aos representantes de Fecimo que a factura pendente pola emisión dos bonos comercio do Corpus será abonada este mes de setembro. Esta aclaración responde a unha das preocupacións expresadas polo colectivo comercial.
Durante o encontro, tamén se tratou a posibilidade de organizar a próxima Feira Bueu Non Stock na mesma data que este ano, ao redor do 25 de xullo, unha proposta que foi ben acollida polos comerciantes.
Ademais, o alcalde propuxo a sinatura dun convenio entre o Concello e Fecimo para cofinanciar liñas de promoción económica ao longo do ano. Esta iniciativa buscaría apoiar eventos como a Feira Bueu Non Stock, a campaña de Nadal e outras accións que xurdan e nas que o Concello xa colabora. A proposta está pendente de estudo técnico no consistorio.




