A compañía Ballet de Galicia culmina a súa residencia artística en Marín cunha gala de danza que terá lugar no Auditorio municipal ás 20:00 horas. Este evento servirá como mostra pública do traballo desenvolvido polo alumnado durante o curso intensivo, que se centrou na técnica de danza clásica e contemporánea.
A iniciativa, que transformou Marín nun centro de creación e formación, reuniu a mozos bailaríns de diversas partes de España e Latinoamérica. A gala representa a culminación do seu esforzo, aprendizaxe e ensaios.
Para facilitar o acceso e optimizar a entrada, o Concello de Marín e o Ballet de Galicia establecen un sistema de reserva previa de entradas gratuítas. Estas poderán recollerse na Oficina de Turismo do Auditorio dende o martes 25 ata o venres 28 de agosto, en horario de mañá (10:00-13:30) e tarde (17:00-21:00).
Cada persoa poderá retirar un máximo de tres pases. A organización lembra que é obrigatorio estar nos asentos asignados antes das 19:50 horas. As prazas libres liberaranse para o público xeral a partir dese momento, por orde de chegada, ata completar o aforo.




