O certame bueués súmase á lista de festivais que poderán propoñer filmes para a vindeira edición dos galardóns máis importantes do cinema español. Esta inclusión abarca as categorías de Mellor Curtametraxe de Ficción, Mellor Curtametraxe Documental e Mellor Curtametraxe de Animación.
Dende a organización do festival, cualifican este paso como "un importante avance na súa traxectoria" e un aval á súa "aposta constante pola excelencia na programación e a promoción do formato curto" ao longo das súas dezaoito edicións. Este recoñecemento consolida o FICBueu como unha cita de referencia no sector audiovisual.
A partir de agora, as curtas que compitan na sección oficial do festival poderán ser consideradas no proceso de inscrición e valoración para os Premios Goya. Ademais, o Primeiro Premio do certame terá unha consideración específica dentro deste procedemento.
O equipo do FICBueu recibiu a noticia con "enorme satisfacción", destacando que se trata dun "respaldo á labor realizada durante todos estes anos e que afianza o festival como un dos máis destacados do panorama estatal no ámbito da curtametraxe".
Este importante logro chega poucas semanas antes da celebración da 19ª edición do festival, que terá lugar en Bueu do 4 ao 19 de setembro, reunindo unha ampla selección das mellores curtas nacionais e internacionais.




