A Concellería de Benestar do Concello de Cangas abrirá o vindeiro luns 14 de setembro o prazo de inscrición para os Obradoiros de Lecer para persoas maiores do curso 2026/2027.
O obxectivo destes obradoiros é promover un envellecemento activo e saudable, ofrecendo aos participantes unha alternativa para ocupar o seu tempo de lecer dun xeito participativo, consciente e útil.
A programación inclúe actividades físicas, artísticas, culturais e de estimulación, pensadas para favorecer a participación das persoas maiores na vida social e cultural da comunidade.
Os obradoiros ofertados son: Ximnasia, Relaxación-Ioga, Pilates, Debuxo e pintura, Baileterapia, Expresión corporal e teatral, Memoria, e Corte e confección.
As inscricións realizaranse presencialmente no Centro Sociocomunitario, situado na rúa Cuba, fronte ao Concello de Cangas. O prazo esténdese do 14 ao 25 de setembro, en horario de 9.30 a 13.00 horas.
Os requisitos imprescindibles son estar empadroado/a no Concello de Cangas, ter máis de 55 anos e acreditar ser pensionista ou carecer de rendas (agás subsidio de desemprego) e non ter traballado nos últimos 12 meses. Ademais, é necesario pagar unha taxa de 30 euros por obradoiro no momento da inscrición. Cada persoa poderá inscribirse nun máximo de 3 obradoiros.




