A compañía, referente no ámbito dos xogos de mesa, os wargames e as miniaturas de alta precisión, logrou dende Galicia unha proxección global, comercializando os seus produtos en máis de 60 países e destinando preto do 90% das súas vendas ao exterior.
Durante a visita, Covadonga Toca Carús destacou a capacidade do tecido empresarial galego para crear produtos innovadores e competir con éxito nos mercados internacionais. Subliñou que casos como o de Corvus Belli "evidencian o potencial das empresas galegas para desenvolver proxectos de alto valor engadido baseados na creatividade, o talento e a innovación, xerando emprego cualificado e creando marcas propias con proxección global dende Galicia".
O Igape lembrou o apoio prestado á compañía a través de distintos programas orientados á internacionalización e á mellora da competitividade, facilitando a súa presenza en feiras internacionais, accións de promoción exterior e iniciativas para reforzar a protección da innovación e o desenvolvemento tecnolóxico.
Corvus Belli, fundada no 2001 e con preto de 60 profesionais no seu cadro de persoal, converteuse nun referente internacional grazas á creación de universos propios como Infinity ou Warcrow.




