O obxectivo principal desta iniciativa é promover as bibliotecas municipais como espazos de encontro e lecer, ademais de fomentar a lectura a través de actividades de narración oral dirixidas ao público infantil. O ciclo coincide co inicio do curso escolar, buscando así achegar os máis pequenos e pequenas a estes espazos culturais.
As sesións comezarán o 22 de setembro na Biblioteca Municipal de Bueu coa actividade «Historias dun mundo grande», a cargo de Bandullo Azul. A narración centrarase nas viaxes dunha cadeliña por diferentes lugares do mundo. Posteriormente, o martes 29 de setembro, a Biblioteca Municipal de Beluso acollerá «O son das linguas», de O Bardo Abelardo, un espectáculo de cantigas tradicionais participativas en varias linguas.
O programa continuará o martes 13 de outubro na Biblioteca Municipal de Bueu con «Circo na biblioteca», de Dani Blanco, que mesturará malabares e equilibrios co mundo dos libros. O venres 16 de outubro, K’Paparota Teatro presentará «Latexos» na Biblioteca Municipal de Bueu, un espectáculo de humor con obxectos e monicreques inspirado nas lendas galegas, enmarcado no programa FalaRedes da Secretaría Xeral da Lingua.
A última actividade terá lugar o martes 20 de outubro na Biblioteca Municipal de Beluso, coincidindo coa celebración do Día das Bibliotecas. A proposta será «O chintófano de Dorothé», de Sonsoles Penadique, que combina música e narración para render homenaxe á etnomusicóloga Dorothé Schubarth.
Esta iniciativa forma parte do programa «Ler Conta Moito» da Xunta de Galicia, ao que as bibliotecas municipais están adheridas. O Concello destaca que estas actividades promoven o uso do galego entre a cativada e dinamizan a biblioteca como punto de encontro cultural.




