A pista da Alameda Nova en Cangas acolleu unha nova intervención artística da ilustradora e muralista galega Tamara Baz. A obra, inspirada na ría e en motivos mariños, mantén a identidade visual iniciada en 2025 e servirá de escenario para o Torneo de Baloncesto 3x3 de Cangas, que se celebrará os días 1 e 2 de agosto no marco do Pirulí Fest.
Durante a visita, o director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, subliñou o valor destas iniciativas que combinan deporte, arte e espazo público. Segundo Merelles, estas accións contribúen a reforzar o atractivo turístico de Galicia e proxectan unha imaxe moderna e creativa de destinos como Cangas.
O director tamén destacou que o Torneo de Baloncesto 3x3 favorece a dinamización turística e cultural da vila durante o verán, diversifica a oferta de destino e atrae visitantes de diferentes puntos de España e do estranxeiro.




