Esta iniciativa, xa consolidada, ten como obxectivo principal apoiar ás familias na conciliación da vida laboral e persoal durante o período vacacional. Os campamentos, que se desenvolverán por quincenas, inclúen unha variada oferta de actividades educativas, lúdicas e de sensibilización, deseñadas para o entretemento e o desenvolvemento dos participantes.
O programa está dirixido a nenas e nenos nacidos entre os anos 2014 e 2023, ambos os dous incluídos, que estean escolarizados no curso 2025/2026 e empadroados no Concello de Marín. No caso de que queden prazas dispoñibles unha vez finalizado o período de inscrición inicial, considerarase a participación doutras solicitudes.
As actividades terán lugar en diferentes localizacións e quendas. O CEIP do Sequelo acollerá 75 prazas do 1 ao 15 de xullo e outras 75 do 17 ao 31 de xullo. Durante o mes de agosto, o mesmo centro ofrecerá 50 prazas do 3 ao 14 de agosto e outras 50 do 17 ao 31 de agosto. A Casa de Cultura de Mogor disporá de 25 prazas do 17 ao 31 de xullo, mentres que o CEIP de Seixo contará con 25 prazas do 3 ao 14 de agosto. O horario das actividades será de luns a venres, de 9:00 a 14:30 horas.
O prazo para formalizar as inscricións estará aberto desde o 4 ata o 22 de maio. O custo de participación é de 30 euros por persoa, con bonificacións especiais para colectivos como persoas con discapacidade, vítimas de violencia de xénero, familias numerosas e familias en risco de exclusión social.




