A Xunta licita a redacción do proxecto para 300 vivendas en Cangas

O plan de interese autonómico prevé a construción de 300 vivendas, a maioría protexidas, na zona das Saíñas.

Imaxe 1 de 2 asociada á nova

Xunta de Galicia · 2026-10-16

A Xunta de Galicia licita a redacción do Proxecto de Interese Autonómico para desenvolver solo residencial en Cangas de Morrazo, onde se prevé construír 300 vivendas, a maioría protexidas.

A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, xunto coa delegada territorial da Xunta en Vigo, Ana Ortiz, informou este mércores deste trámite que publica hoxe a Plataforma de Contratos Públicos de Galicia. O contrato, cunha licitación de máis de 240.000€, busca elaborar o proxecto para a obtención de solo destinado á construción destas vivendas na zona das Saíñas. As empresas poderán presentar as súas ofertas ata o vindeiro 17 de decembro.
Ao menos o 80% das vivendas que se construirán nesta zona serán protexidas con cualificación permanente, e a cifra podería acadar o 100% se así o decide o Concello. O ámbito das Saíñas está delimitado ao norte pola rúa e rotonda da Rúa; ao sur, por vivendas, terreos e o centro de día de Cangas, xunto á estrada PO-551; ao leste, pola estrada PO-554; e ao oeste, polos barrios do Espírito Santo e do Rapadouro. O rego das Saíñas atravesa o ámbito de norte a sur, configurando un parque fluvial que será o eixo da ordenación.
Con este proxecto en Cangas de Morrazo, xa son 13 os Proxectos de Interese Autonómico que o Goberno galego ten en marcha en 12 concellos de Galicia. Outros PIA xa aprobados inicialmente ou en tramitación atópanse en Lugo, Vigo, Arteixo, Pontevedra, Ourense, A Coruña, Santiago de Compostela, Marín, O Porriño, Vilagarcía de Arousa e Ribadeo.
Información elaborada a partir da fonte oficial: Xunta de Galicia — Notas de prensa (portal central, cubre todas as consellerías) (16/10/2026)