Tras unha reunión con familias en lista de agarda para as clases de nado de 3 a 6 anos, o executivo local decidiu poñer en marcha dous cursos máis para esta franxa de idade, sumando 24 prazas. A estas engadiranse novas prazas para Pilates (40 prazas en dúas clases), Aquagym (20 prazas nunha clase) e GAP (20 prazas nunha clase).
Dende o Concello priorizarase ás persoas que xa están na lista de agarda, abrindo posteriormente un prazo de inscrición para o resto da cidadanía interesada. Estas novas prazas súmanse á oferta xa existente na piscina, que dende xuño conta con 180 prazas de Pilates, 100 de Aquagym, 80 de GAP, 60 de tonificación e outras tantas de mantemento.
En canto aos cursos de nado guiado, que funcionan dende setembro, hai 144 prazas para diversas idades, dende bebés (0-3 anos) ata adultos, incluíndo nado premamá. A franxa de idade de 3 a 6 anos é a que agora se ve incrementada.
A piscina, aberta dende 2021, completou a súa oferta de servizos e actividades a principios deste verán, acadando unha gran aceptación. Actualmente, conta con 1.540 persoas usuarias, das cales 371 teñen abonos individuais xerais, 130 son maiores de 65 anos, 65 mozos e 28 persoas con mobilidade reducida. Os carnés familiares suman 305, representando 945 usuarios.




