A mostra, organizada polo grupo de investigación “Historia Social do Poder dende a Idade Media” do IEGPS e co apoio da Axencia Turismo de Galicia, o Concello de Pontedeume e a Secretaría Xeral da Lingua, reúne quince paneis que abordan a relevancia histórica e patrimonial dos Andrade, con foco en Pontedeume e a súa contorna.
Os contidos da exposición céntranse nas arquitecturas señoriais, o linaxe dos Andrade, a súa presenza na documentación histórica e a pegada cultural que deixaron, incluíndo lendas e obras literarias. A inauguración terá lugar o 3 de novembro de 2026 ás 17:30 horas na Casa da Cultura (antigo convento de San Agustín).
No acto de apertura intervirán o alcalde de Pontedeume, Bernardo Fernández Piñeiro; o director do IEGPS, Pablo S. Otero Piñeyro Maseda; e o comisario da exposición, Eduardo Pardo de Guevara y Valdés. Posteriormente, haberá unha visita guiada, a entrega de premios do concurso de debuxo escolar “Os nosos castelos” e unha mesa redonda con especialistas como Amparo Rubio Martínez e Carlos de Castro Álvarez.
A exposición estará aberta ao público de balde dende o 3 ata o 15 de novembro de 2026. Esta iniciativa dá continuidade á liña de actuación do IEGPS en torno a castelos e fortalezas galegas, iniciada en 2021.




