A conselleira do Mar, Marta Villaverde, e o patrón maior da Confraría de Pescadores de Pontedeume, Diego Pérez, asinaron o acordo que busca apoiar o marisqueo local e reforzar a sustentabilidade do sector. A achega total ascende a 398.531,49 euros e conta co cofinanciamento do Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura (Fempa).
O plan de actuación centrarase nas zonas entre as Puntas Magdalena e Macuca, involucrando á Confraría en labores de acondicionamento do substrato en diversos bancos marisqueiros como Croa Pequena, Beirada Moteis, Croa Grande, Zopazos, Fabal, A Pillada-A Pia, Canle do Barco e Perejil. A preparación realizarase de forma manual, agás en superficies de difícil acceso onde se empregará embarcación.
Unha das accións destacadas será a sementeira de 1,8 millóns de unidades de ameixa babosa nos bancos de Croa Pequena, Zopazos e A Pillada-A Pia. Tamén se sementarán ameixa fina e ostra plana no banco Croa Grande, dependendo da dispoñibilidade.
Para protexer o marisco autóctono e recuperar os hábitats mariños, o proxecto inclúe a retirada e control da ostra rizada, así como o traslado a zonas de preengorde de exemplares comerciais de ostra plana, ostra rizada e ameixas fina, babosa e xaponesa. Complementaranse estas medidas con accións formativas, vixilancias e mostraxes.




