Os empregados públicos de Cabanas manifestaron o seu rexeitamento ás recentes declaracións de certos edís da oposición, cualificándoas de "falsas". Aseguran que as súas queixas non son "reproches xerais ou indeterminados", senón unha situación que sofren de forma continuada e que a oposición busca invisibilizar.
No seu escrito, o persoal municipal recoñece a función de control e fiscalización da oposición, pero advirte que algúns concelleiros "traspasaron con creces eses límites". Subliñan que non se trata de críticas á xestión política, senón de "manifestacións e escritos que aluden directamente a situacións persoais de empregadas e empregados públicos, vulnerando a nosa dignidade", unha conduta que consideran reiterada.
“"Resulta chamativo que mentres se sinala de forma inxusta a certas empregadas, se manteña un silencio absoluto sobre outros traballadores en situacións similares, o que demostra que estas críticas non buscan a mellora do servizo, senón o ataque persoal."
Os traballadores sinalan que estas faltas de respecto ocorren principalmente durante os plenos municipais e tamén a través de escritos rexistrados no Concello. Destacan que os ataques son selectivos e arbitrarios, o que suxire unha intención de ataque persoal máis que de mellora do servizo.
Ante a negación dos feitos por parte da oposición, o persoal lembra que todas as situacións están debidamente documentadas. Existen múltiples escritos, tanto individuais como colectivos, nos que se trasladaron oficialmente "as graves faltas de respecto sufridas, aludindo a situacións concretas".
Por todo isto, os empregados públicos esixen que o debate político se manteña no ámbito institucional e que se deixe de utilizalos como "obxectivo de ataques persoais". Reclaman o mesmo respecto para o seu traballo e dignidade persoal e profesional que para a tarefa fiscalizadora da oposición.




