O lume orixinado en Monfero, que se declarou ás 14.26 horas do mércores, quedou totalmente extinguido ás 23.50 horas do xoves. A superficie afectada foi de 38,03 hectáreas, das cales 33,38 eran de monte raso e 4,65 de arborado. Parte do lume saltou á mesma tarde do mércores ao concello veciño de Guitiriz.
Para a extinción deste incendio mobilizáronse un total de dous técnicos, 16 axentes, 20 brigadas, 16 motobombas, dúas pas, catro helicópteros e catro avións. O lume foi controlado horas despois de declararse, pasadas as 22.00 do mércores.
Pola súa banda, o incendio rexistrado en Ourol na parroquia de Merille, que comezou ás 13.35 horas do mércores, mantense controlado. A superficie queimada estimada é de 30 hectáreas, sen variacións respecto á información do xoves. Para atallar este lume desprazáronse dous técnicos, 11 axentes, 22 brigadas, 20 motobombas, tres pas, tres helicópteros e dous avións.
Ademais, o lume que se iniciou na tarde do martes en Taboada, na parroquia de Insua, foi extinguido ás 19.40 horas do xoves. Este incendio arrasou 46,43 hectáreas, compostas por 41,1 de monte arborado e 5,53 de monte raso.




