O proxecto, que supón unha demanda histórica, foi posible grazas ao apoio económico da Deputación de Pontevedra e á colaboración da Federación Galega de Fútbol. Os traballos incluíron a instalación dunha moderna superficie de céspede sintético.
No acto estiveron presentes destacadas personalidades como o presidente da Real Federación Española de Fútbol, Rafael Louzán; o presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López; a alcaldesa de Ponteareas, Nava Castro; o tenente de alcaldesa, Juan Carlos González; o presidente da Federación Galega de Fútbol, Pablo Prieto; e o homenaxeado, Manolo Gil, xunto a representantes do Sporting Club San Mateo e outros clubs deportivos da vila.
O presidente do Sporting Club San Mateo, Juan Castro Ucha, destacou a importancia do novo campo para o fútbol feminino e para o club, sinalando que "é un antes e un despois". Tamén tivo palabras de recoñecemento para Manolo Gil, "unha persoa que o deu todo polo fútbol".
O tenente de alcaldesa, Juan Carlos González, lembrou os 37 anos de traballo para poñer en valor o fútbol feminino e agradeceu á Asociación de Veciños de San Mateo a cesión do terreo, reafirmando o compromiso do goberno local coas melloras das infraestruturas deportivas.
Manolo Gil amosou a súa gratitude ao Concello e á Deputación pola construción do campo e á directiva do San Mateo e á Asociación de Veciños por levar o seu nome, e mostrouse aberto a futuras melloras.
Pablo Prieto, presidente da Federación Galega de Fútbol, cualificou o proxecto como "un gran proxecto deportivo" e destacou a importancia de axudar ás administracións coa elaboración de proxectos para o fútbol base.
Rafael Louzán, peza clave na xestión orixinal, subliñou que "cando se traballa unido as cousas saen" e felicitou aos presentes pola obra, que cualificou de "cuestión de fe".
A alcaldesa Nava Castro pechou o acto lembrando a firmeza na xestión do proxecto e eloxiou a sensibilidade do presidente provincial, Luis López, co municipio. Tamén destacou o papel dos xogadores, directiva e familias, así como a perseveranza de Manolo Gil.
Louzán tamén fixo alusión á vitoria da Selección Española no Mundial, cualificándoa como "unha vitoria de dignidade de país", e fixo entrega á alcaldesa dunha camiseta da Selección coas dúas estrelas e personalizada co seu nome, así como outra para o club.




