O novo mercado municipal de Ponteareas, Mercatea, foi inaugurado este sábado polo presidente da Xunta, Alfonso Rueda, quen destacou o proxecto como un exemplo da aposta do Goberno galego pola modernización das prazas de abastos. As novas instalacións, cunha superficie de 1.400 metros cadrados, ocupan a antiga nave de Aceros del Tea, reconvertida nun recinto moderno e sustentable.
Rueda, acompañado polo conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, subliñou a necesidade de adaptar estes espazos ás demandas actuais para garantir o futuro dos comerciantes e do comercio de proximidade.
O proxecto xa conta coa práctica totalidade dos 30 postos adxudicados, combinando establecementos tradicionais con novas propostas de restauración e actividades complementarias, co obxectivo de converter o mercado nun punto de encontro e dinamización comercial.
A transformación do patrimonio industrial nun espazo moderno e sustentable permite que Mercatea se incorpore á Rede de Mercados Excelentes de Galicia, certificando a súa aposta pola profesionalidade e os produtos de quilómetro cero.
A Xunta ten como obxectivo que en 2030 Galicia conte con 25 mercados integrados nesta rede de calidade.




