O Concello de Ponteareas continúa coa xestión activa do seu planeamento urbanístico coa publicación, o pasado venres 21 de agosto, no Diario Oficial de Galicia (DOG), da aprobación inicial da Modificación Puntual nº 3 (MP3) do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM). Esta modificación puntual, cualificada como non substancial, céntrase no ámbito de solo urbanizable de uso terciario coa designación SURBZ-T-01.
A concelleira de Urbanismo, Silvia F. Táboas, defendeu o PXOM como un documento dinámico e ao servizo do municipio. "Un Plan Xeral non pode entenderse como un documento intocable. Ten que evolucionar con Ponteareas e ser capaz de dar resposta ás necesidades que se detecten", afirmou. Engadiu que "sempre que sexa necesario e estea xustificado polo interese xeral, este goberno impulsará as modificacións necesarias para mellorar o noso planeamento".
Pola súa banda, a alcaldesa de Ponteareas, Nava Castro, destacou o modelo de xestión municipal: "Un Concello que non deixe os problemas enquistados, senón que tome a iniciativa para resolvelos". Subliñou que "o planeamento ten que acompañar o desenvolvemento do municipio e, cando sexa necesario adaptalo ou corrixilo para beneficiar a Ponteareas, faremos todo o traballo necesario para conseguilo".
A MP3 foi aprobada inicialmente polo Pleno da Corporación municipal o pasado 28 de xullo e inclúe a ordenación detallada do ámbito SURBZ-T-01. Coa súa publicación no DOG ábrese un período de información pública de dous meses. Durante este tempo, a documentación estará dispoñible para consulta e para a presentación de alegacións. Unha vez finalizado este prazo, o Concello continuará coa tramitación da modificación segundo o procedemento establecido pola normativa urbanística vixente.




