A Conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, xunto co Director do Proxecto, Manolo Juanatey, achegouse hoxe á parroquia ponteareá de Bugarín para presentar in situ a nova senda peonil e ciclista da PO-254. O proxecto, promovido pola Xunta de Galicia, comeza en Bugarín e chega ata Pías, pasando por Prado. Na presentación tamén estiveron presentes a alcaldesa de Ponteareas, Nava Castro, e parte da corporación municipal.
O anuncio do prazo de información pública e presentación de alegacións publicouse hoxe no Diario Oficial de Galicia. Para facilitar o acceso á información, o concello de Ponteareas programará reunións informativas nas tres parroquias afectadas e tamén terá o proxecto dispoñible para consulta no propio concello.
“"Esta infraestrutura responde a unha demanda histórica da veciñanza e supón un paso decisivo para conectar parroquias, favorecer os desprazamentos máis cómodos e seguros e impulsar hábitos de mobilidade saudables."
A Conselleira María Martínez Allegue enmarcou estas actuacións na aposta da Xunta pola mobilidade sostible e segura, destacando que a rede de itinerarios peonís nas estradas autonómicas mellora a seguridade e contribúe a "embelecer as nosas vilas e cidades".
A nova senda ponteareá contará con tres treitos de itinerario de 2 metros de ancho ao longo de máis de 4 quilómetros. O investimento da Xunta ascende a 1.716.023 euros. O proxecto tamén inclúe a habilitación de bandas de aparcamento, reservas de parada de bus e a reorganización da intersección entre a PO-254 e a PO-253 en Ponteareas.
Unha vez finalizado o período de información pública, axilizarase a tramitación para aprobar o proxecto construtivo e licitar as obras este mesmo ano, cun prazo de execución de 18 meses.




