O lume, que se iniciou na parroquia de Padróns en Ponteareas, comezou a raíz dun tractor ardendo, aínda que a Xunta de Galicia sinalou a existencia dun segundo foco, apuntando a unha "clara intencionalidade". As altas temperaturas, que rozaban os 30 graos, e os fortes ventos de máis de 30 quilómetros por hora, dificultaron enormemente as tarefas de extinción e provocaron a rápida propagación das chamas.
A proximidade do incendio a un núcleo poboado en Pazos de Borbén levou á activación do nivel 2 de emerxencia sobre as 19:00 horas do luns, sendo desactivado arredor das 23:30 horas. As chamas alcanzaron o cumio da Serra do Galleiro e a súa gran columna de fume foi visible dende Vigo e outros concellos da área metropolitana. Unha persoa de avanzada idade tivo que ser evacuada da súa vivenda no barrio de Mouro, en Padróns, por precaución.
Segundo as estimacións da Consellería de Medio Rural, o incendio afectou a un total de 750 hectáreas, das cales 550 corresponden a monte arborado e as 200 restantes a monte raso. O operativo de extinción mobilizou catro técnicos, 17 axentes, 25 brigadas, 16 motobombas, dúas pas, unha unidade técnica de apoio, cinco helicópteros e seis avións. O Concello de Ponteareas tamén colaborou co despregamento de dous reténs do seu servizo de emerxencias municipal.
“"Finalmente afectou a unha superficie de 750 hectáreas, das cales 550 corresponden a monte arborado e as 200 restantes a raso."
O concelleiro de Seguridade de Ponteareas, Juan Carlos González Carrera, quen coordinou o operativo municipal, lembrou que esta mesma zona xa fora castigada por incendios en Semanas Santas anteriores. De feito, nesta mesma Semana Santa rexistrouse outro incendio en Arbo, que queimou 33 hectáreas.




