Anxo Rodríguez, unha prometedora voz entre as novas xeracións de creadores, vén de publicar "A última carta a casa". Esta obra narrativa mergúllanos na súa traxectoria vital dende a adolescencia, impregnada dun ton marcadamente poético.
A poesía, xénero que o acompaña dende o Bacharelato, foi fundamental para que Rodríguez coidase a linguaxe, a musicalidade das palabras e a expresión de emocións profundas. "Iso influíu na miña maneira de narrar nesta novela", confesa o autor, cuxo debut na narrativa extensa o sitúa como un referente para a nova canteira literaria.
“"Non deixes de escribir."
A súa incursión na creación literaria foi "totalmente casual". Durante unha etapa difícil no Bacharelato, a súa profesora de galego animou a clase a participar nun concurso de poesía en Ponteareas. Sen dubidalo, presentouse e gañou. Unha muller maior achegouse tras o acto e díxolle unha frase que marcou a súa vida: "Non deixes de escribir". Estas palabras, xunto coa necesidade de "desahogarme" e "ordenar os pensamentos", converteron a escritura nun refuxio persoal.
O interese e apoio desa muller, que lle pedía ler os seus poemas, foron un impulso clave. Rodríguez confesa que "nunca imaxinei que terminaría publicando un libro nin que tantas persoas chegarían a interesarse por el". A súa novela actual, "A última carta a casa", xorde de "inquietudes" e "vivencias" familiares e de amigos.
A través dun personaxe que abandona o fogar nunha viaxe física e emocional, a obra explora temas como a perda, a identidade, a busca de sentido, o amor, a familia e a nostalxia. "Máis que contar unha historia, a miña intención era reflexionar sobre esas ausencias e feridas que todos levamos dentro", explica o autor, quen define o libro como "moi íntimo" e escrito "dende a emoción".
A motivación principal de Rodríguez é "a necesidade de comprender e expresar aquilo que moitas veces resulta difícil pór en palabras". A literatura, dende que comezou a escribir nunha etapa complicada, converteuse nunha ferramenta para entender as súas emocións e a súa visión do mundo. "Escribir permíteme transformar sentimentos como a perda, a nostalxia, a incerteza ou a esperanza en historias coas que outras persoas tamén poidan identificarse", afirma.
Cre que a literatura ten a capacidade de "facer sentir menos sós" e de recordar que moitas preguntas e feridas son universais. A conexión cos lectores é tamén unha gran motivación, atopar "consolo, reflexión ou compañía" nas súas palabras. "Ao final, escribo porque é a miña forma de entender a vida e de compartir cos demais aquilo que me emociona, me preocupa ou me inspira."
Como estudante de enfermería con interese na saúde mental, Rodríguez destaca valores como a empatía, a honestidade e o compromiso co benestar das persoas. A súa novela reflicte "sensibilidade cara ás experiencias emocionais e os procesos de curación", transmitindo "unha mensaxe de esperanza e conexión humana".
De cara ao futuro, desexa seguir publicando libros que conecten cos lectores a través de "experiencias compartidas e emocións comúns". Tamén lle atrae a idea de "experimentar con novos estilos literarios", vendo a escritura como "unha arte en constante evolución".




