Esta é a segunda edición do programa promovido pola concellería de Benestar Social do concello de Ponteareas, que busca fomentar a práctica deportiva moderada entre a cidadanía.
Baixo a dirección do profesional Luis Argüelles, os luns e mércores ofrecerase a práctica do Taichi, dende as 10 ata as 11 horas. Os martes será o momento de sumarse ás clases de Ximnasia de Mantemento, dende as 11 e ata as 12 horas. O xoves dedicarase ao traballo dos Hipopresivos, tamén dende as 11 e ata as 12 horas.
Para participar nestas actividades, que non requiren inscrición obrigatoria, os interesados simplemente terán que achegarse ata a tarima situada na zona dos chiringuitos.
Esta iniciativa está financiada ao abeiro dun convenio plurianual (2026–2029) subscrito entre o Ministerio de Sanidade e a Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP). O acordo ten como obxectivo o impulso da Rede Española de Cidades Saudables (RECS) e a implementación da Estratexia de Promoción da Saúde e Prevención no Sistema Nacional de Saúde (EPSP) no ámbito local.




