A iniciativa, dirixida a persoas de 60 anos ou máis que desexen pasar as datas do Nadal acompañadas, desenvolverase entre o 23 de decembro de 2026 e o 7 de xaneiro de 2027. As prazas distribúense entre a Residencia de Tempo Libre do Carballiño (130 prazas) e a de Panxón, en Nigrán (140 prazas).
O programa inclúe aloxamento e manutención en réxime de pensión completa, así como traslado en autobús desde as principais cidades galegas ata as residencias e a viaxe de regreso. Tamén se organizarán actividades de animación sociocultural.
Para poder participar, é necesario ter 60 anos, ser autónomo, estar empadroado en Galicia ou vivir só no domicilio e non ter con quen pasar o Nadal. Darase preferencia a persoas que perderan o seu cónxuxe nos últimos dous anos, ás de maior idade e ás que non participaran en edicións anteriores.
O prazo de inscrición estará aberto ata o vindeiro 30 de novembro. As solicitudes poden realizarse preferentemente por vía electrónica a través da sede electrónica da Xunta de Galicia ou de forma presencial nas oficinas de atención á cidadanía e de rexistro.




