A Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude organizou dous días de traballo con visitas a diferentes puntos clave do territorio da Ribeira Sacra, nas provincias de Lugo e Ourense, para reforzar a súa candidatura a Patrimonio Mundial.
O Comité de Patrimonio Mundial da Unesco tomou o pasado xullo unha decisión excepcional de dar asesoramento ao proxecto Ribeira Sacra. Paisaxe da auga, coa intención de que o traballo conxunto achegue informacións adicionais necesarias para volver presentar a proposta coas máximas garantías.
A delegación de Icomos percorrerá bens e infraestruturas nos municipios lucenses do Saviñao, Chantada e Carballedo, así como nos ourensáns de Nogueiras de Ramuín e Parada de Sil.
O Goberno galego busca dar a coñecer aos técnicos os atributos excepcionais desta paisaxe construída co uso da auga, que aínda non está presente de xeito suficiente na Lista de Patrimonio Mundial. Estas xornadas tamén servirán para perfilar cuestións técnicas na candidatura.




