A conselleira explicou que xa se adxudicou a actualización do proxecto de urbanización, un paso clave para desenvolver este ámbito e incrementar o solo empresarial dispoñible no concello. A previsión da Xunta é iniciar este ano o proceso de licitación das obras de construción deste novo parque, que contará cunha superficie de case 260.000 m².
Lorenzana sinalou que o obxectivo desta actualización é adaptar o proxecto existente ás necesidades reais de execución e aos criterios técnicos e económicos que rexerán a posterior licitación das obras. Tamén se busca facilitar unha maior coordinación entre a redacción do proxecto, a contratación e a execución futura dos traballos.
Esta actuación forma parte dun plan máis amplo que inclúe 4,2 millóns de m² de solo empresarial en tramitación, urbanización ou execución na provincia da Coruña.




