A formación socialista subliña que a obra, que xa acumula máis dun ano de demora, é fundamental para o Club de Remo Náutico Ribeira, os seus deportistas e a veciñanza de Aguiño, que agardan por unhas instalacións necesarias para o desenvolvemento da súa actividade.
“"Esta obra non é un expediente máis: detrás dela están o Club de Remo Náutico Ribeira, os seus deportistas, as familias e a veciñanza de Aguiño, que levan demasiado tempo agardando por unhas instalacións necesarias."
O grupo político tamén critica a xestión do Goberno local, sinalando que, mentres se publicitan futuras obras, outras actuacións xa deberían estar rematadas e acumulan importantes atrasos. Lémbrase que a obra xa tivo varias ampliacións de prazo, primeiro ata decembro de 2025 e despois ata marzo de 2026.
Os informes técnicos municipais xa advertiran que os motivos alegados pola empresa contratista non parecían alleos á súa responsabilidade. Por iso, o PSOE insta o Concello a velar polos intereses da cidadanía e a iniciar as actuacións necesarias para garantir a entrega das instalacións canto antes, examinando formalmente o incumprimento dos prazos e valorando a imposición das sancións contractuais correspondentes.
“"O Concello non pode limitarse a esperar; ten que defender o interese público, garantir que a obra se remate canto antes e dar unha resposta clara ao Club de Remo Náutico Ribeira e á veciñanza de Aguiño."