Este novo proxecto nace coa finalidade de proporcionar ferramentas que faciliten a aprendizaxe, tanto formal como informal, para mozos e mozas maiores de 16 anos. Complementa o programa de ocio xa existente, Por fin é finde!, dirixido a partir dos 12 anos.
A concelleira de Xuventude, Carmen Pérez, destacou que 'Mocidade Formada' se estrutura en tres modalidades: pílulas informativas para coñecementos rápidos, formación presencial para experiencias prácticas e colaborativas, e formación en liña para unha aprendizaxe flexible e adaptada a diferentes ritmos.
“"Este curso xorde para ofrecer formación demandada pola propia mocidade e que despois poderá redundar na súa participación noutros proxectos que ofreza o Concello de Ribeira."
As actividades comezan co curso de iniciación a DJ, que se desenvolverá o 25 de abril en horario de tarde na Casa da Xuventude. Os participantes terán cinco sesións guiadas por expertos que lles ensinarán os elementos do equipo, técnicas de mestura, hot cues e grid, entre outros aspectos esenciais.
Mario Vidal, técnico municipal de Xuventude, informou que as inscricións xa están abertas e as prazas son limitadas. Os interesados poden formalizar o trámite presencialmente na Casa da Xuventude, a través do correo electrónico xuventude@ribeira.gal ou chamando ao teléfono 981 835 289.




