Once agrupacións folclóricas participaron este sábado no Día do Orgullo Jaiteiro, celebrado en Ribeira no marco da Festa da Dorna. As formacións percorreron as rúas da cidade, algunhas a pé e outras a bordo de remolques, interpretando música tradicional.
Participaron grupos como Borja & Cía, Os Liantes, Suabesebe, Enxebres de San Lázaro, Tahúme, Laghareu, Trécola, Riparia, Río de Anxo, a banda de gaitas Estivada de Calo e Os Festas. Tras o desfile, todas as formacións concentráronse na Praza da Porta do Sol para actuar nun escenario.
Ademais do desfile, a xornada do sábado incluíu a Xuntansa de embarcacións tradicionais e os Xogos populares de terra en Coroso pola tarde.
As celebracións continuarán este domingo co Jran Prix de Carrilanas ás 18:30 horas, seguido dun concerto de De Ninghures na Praza da Porta do Sol como parte do festival Rockandorna. Este festival prolongarase ata o día 24 con actuacións de Lamatumbá, Muyayo Rif, Dakidarría, Reality, Cocco Lexa, Neverloura, Habelas Hainas e Extremodorna, ademais de varios DJ's.
O programa da Festa da Dorna inclúe tamén os Xogos de mar dorneiros e o Jran premio Ícaro de voo sen motor o luns 20. O martes 21 celebrarase a final do Sertamen itinerante de canción de tasca, e o mércores 22 a Batalla dos jallos dorneiros en Coroso.
O xoves 23, os patróns e patronas das novas peñas deberán superar o Exame de patróns para unirse á familia dorneira. O venres 24 terá lugar a Rejata Cutre Shark de embarcacións feitas á man en augas de Coroso.
A Cooperativa do Mar Santa Uxía ofrecerá unha degustación gratuíta de Lirio de Ribeira. A festa concluirá coa Romaría Dorneira, a Festa da Espuma, o desfile Top Secret, máis Rockandorna e o Asalto ás fanequeiras.




