O ente público Portos de Galicia xa xestionou a retirada do camión calcinado, que se atopa abandonado na explanada do porto de Ribeira (A Coruña), coa intervención dunha empresa autorizada. A operación de retirada do vehículo, que sufriu un incendio o pasado 21 de maio, realizarase previsiblemente esta mesma tarde, unha vez que o xulgado levantou o precinto que pesaba sobre el.
Esta actuación cumpre co compromiso adquirido por Portos de Galicia co Concello e os usuarios do porto de Ribeira. Durante unha recente visita ás instalacións portuarias, a presidenta do ente público, Natalia Botana, trasladou á alcaldesa, María Sampedro, e ao patrón maior, José Antonio Pérez, que a retirada do vehículo era prioritaria unha vez se dispoñese da luz verde xudicial.
A retirada do camión permitirá recuperar o espazo da explanada, eliminando riscos de seguridade e ambientais, ademais de mellorar a limpeza da zona. Este espazo tamén acollerá nos próximos días as festas da localidade.




