A asociación Ribeira Sacra Next organiza este encontro no parador de Monforte coa participación de agrupacións empresariais de Ourense e Lugo. O presidente do colectivo, Severino Rodríguez, destacou que o obxectivo é "poñer enriba da mesa as bases para un pacto sobre a vivenda na Ribeira Sacra".
César Blanco, vicepresidente da Confederación de Empresarios de Ourense (CEO), sinalou que a dispoñibilidade de vivendas "afecta á fixación de poboación, ao desenvolvemento económico, á capacidade de atraer talento e o equilibrio territorial". Por iso, o foro buscará "aportar datos, escoitar especialistas e construír propostas realistas e compartidas".
Pola súa banda, Jaime López, secretario da Confederación de Empresarios de Lugo (CEL), subliñou a importancia da colaboración entre empresarios de ambas as provincias, especialmente ante a repercusión dos fondos europeos que, segundo indicou, tenden a concentrarse no Eixo Atlántico en detrimento doutras zonas que requiren máis apoio.
O encontro tamén contará coa participación de responsables de experiencias piloto noutras comunidades autónomas como Cataluña, Navarra ou Castela e León, que achegarán a súa perspectiva sobre como ampliar a oferta de vivendas no medio rural. Severino Rodríguez cualificou esta achega como "moi necesaria".
Rodríguez engadiu que "hai miles de vivendas baleiras na Ribeira Sacra, e só a través dun pacto e unha acción conxunta de todos os actores poden converterse en vivendas que son para habitar e que, por tanto, van dinamizar a economía". Agarda que o foro permita dar pasos positivos cara a estes obxectivos.




