O suceso tivo lugar entre as 07.00 e as 08.00 horas. Tras recibir o aviso, efectivos de Portos de Galicia alertaron aos servizos de seguridade. Ata o peirao desprazáronse axentes da Gardacostas, que instalaron unha barreira anticontaminación para conter os restos de combustible vertidos polo buque.
A embarcación, construída en madeira e de 16,63 metros de eslora, atopábase fóra de servizo desde hai dous anos. As autoridades apuntan á falta de mantemento como a causa máis probable do afundimento, dado o seu estado de abandono.
O porto de Ribeira rexistrou nos últimos meses diversos incidentes con embarcacións inoperativas. A presenza de barcos sen actividade na zona portuaria é unha problemática recorrente que mantén en alerta aos usuarios e responsables das instalacións.




