A deputada de Cultura da Deputación da Coruña, Natividade González, visitou recentemente a Escola de Música de Rianxo para coñecer de primeira man o labor que desenvolve. Esta entidade é unha das beneficiarias do programa FO213/2026, que lle outorgou unha subvención de 13.500 euros.
“"O compromiso continuado da Deputación co labor desenvolvido pola entidade é firme. Rianxo segue a ser terra de músicos e de músicas, algo que sen dúbida enche de orgullo esta vila."
González subliñou que, grazas ao programa FO213, a Escola de Música de Rianxo acumulou un total de 82.500 euros en subvencións provinciais nos últimos catro anos. A deputada eloxiou o traballo da asociación que xestiona a escola, resaltando o seu "traballo admirabel que dá resultado", evidenciado polo numeroso alumnado e profesorado co que conta.
Ademais, a representante provincial fixo fincapé na importancia de apoiar o tecido asociativo e formativo no ámbito musical. Considera que este apoio é "un elemento fundamental para fortalecer a actividade cultural nos concellos e garantir a continuidade dunha tradición musical fondamente arraigada no territorio" galego.




