A xerente do Instituto Galego do Consumo e da Competencia, Sol Vázquez, asistiu ao acto de entrega deste certame, organizado polas diferentes administracións autonómicas en colaboración co Ministerio de Dereitos Sociais, Consumo e Axenda 2030. O concurso busca promover entre os estudantes de Primaria, ESO e Formación Profesional Básica hábitos de consumo responsable, crítico e sostible, con especial atención aos retos da contorna dixital.
Baixo o lema Á hora de consumir, que non te domine o click, os participantes reflexionaron sobre a influencia da publicidade dixital, o papel dos influencers, as compras impulsivas en liña e o uso de algoritmos, ademais da importancia de coñecer os dereitos das persoas consumidoras.
A competición constou dun percorrido virtual por Consumópolis con probas educativas e da elaboración dun traballo colectivo. O reto creativo desta edición foi a realización dun podcast de ata tres minutos. En Galicia participaron 123 equipos, e os gañadores da fase autonómica pasaron á nacional, onde o IES A Cachada acadou o recoñecemento estatal.
Na fase autonómica galega, recoñecéronse os tres mellores traballos de cada categoría, con premios de 1.000, 600 e 300 euros para os primeiros, segundos e terceiros clasificados, respectivamente. Os equipos gañadores do primeiro premio autonómico en cada categoría accederon á fase nacional.




