O novo programa, no que participan unha trintena de nenos e nenas, amplía o labor que o Servizo de Atención Municipal a Menores de Tui viña desenvolvendo nos últimos 15 anos, ofrecendo un espazo seguro para a aprendizaxe, a socialización e a mellora do rendemento académico, cunha atención personalizada.
O obxectivo principal do G.A.P. é previr o fracaso escolar, facilitar a adquisición de competencias esenciais para o desenvolvemento persoal e social dos menores, fomentar actividades de lecer educativas e ampliar a rede de apoio social ás familias en risco psicosocial.
Actualmente, 28 dos 48 menores dados de alta no programa de Educación Familiar do Concello de Tui benefícianse do G.A.P. Este programa desenvólvese de luns a venres polas tardes, con grupos de até 8 menores de entre 7 e 17 anos, nun espazo habilitado no edificio Francisco Sánchez. Alí reciben atención integral, incluíndo reforzo escolar, apoio emocional e actividades de integración social.
O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, e a concelleira de Cultura, Ensino e Mocidade, Sonsoles Vicente, xunto coa traballadora social Carmen González, mantiveron un encontro de traballo co director territorial de Aldeas Infantiles SOS, Víctor Muñoz, e a directora dos Grupos de Atención de Proximidade, Susana Puga, para avaliar as primeiras semanas de funcionamento.
Enrique Cabaleiro expresou a súa satisfacción pola maior individualización e amplitude da atención á infancia grazas a esta colaboración. Pola súa banda, Sonsoles Vicente destacou a mellora do programa existente, que agora abranxe outras áreas, grazas ao traballo dos Servizos Sociais municipais.




