A Xunta de Galicia, a través da Axencia de Turismo de Galicia, impulsa este encontro que reunirá a expertos, investigadores e representantes de asociacións do Camiño de Santiago para afondar no crecente protagonismo do Camiño Portugués no fenómeno xacobeo internacional.
O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, destacou durante a presentación en Santiago de Compostela que esta ruta posúe unha identidade propia, unha longa historia e un enorme potencial de futuro. O coloquio buscará analizar estes aspectos e anticipar os retos para garantir unha xestión baseada no coñecemento, a conservación do patrimonio e a calidade da experiencia peregrina.
A relevancia do Camiño Portugués queda patente no seu crecemento, que se sitúa cinco puntos por riba da media. No que vai de ano, máis de 100.000 peregrinos xa o percorreron, o que supón un 13% máis que no mesmo período de 2025. Deles, 65.172 foron estranxeiros (65%), destacando Portugal (11%), Italia (8,4%) e Estados Unidos (7,7%). No conxunto do Camiño de Santiago, xa se recolleron máis de 500.000 Compostelas en 2026, un 8% máis que o ano anterior.
As sesións abordarán a historia, o patrimonio artístico, o desenvolvemento económico e a evolución da hospitalidade xacobea. Terá unha presenza especial a Catedral de Tui, que celebra o seu 800 aniversario, así como as perspectivas de futuro da ruta en Galicia e Portugal.
A elección de Tui como sede subliña o seu papel histórico e estratéxico como punto de conexión entre Galicia e Portugal, unha ligazón secular que hoxe se fortalece co paso de peregrinos.
O evento enmárcase no Plan Director dos Camiños de Santiago 2022-2027, dotado con 141,5 millóns de euros, e realízase na antesala do Xacobeo 2027. Os interesados poden inscribirse no correo electrónico coloquio.camino.portugues@xunta.gal.




