A concellería de Turismo e Patrimonio do Concello de Tui amosou a súa satisfacción polo éxito de participación nas actividades programadas durante o pasado mes de setembro, baixo a denominación de “Setembro xudeu en Tui”, co obxectivo de promover e difundir o patrimonio e legado das comunidades xudías e criptoxudías da cidade.
As visitas guiadas, en particular a teatralizada e a nocturna, foron as que rexistraron maior afluencia, atraendo a veciños de Tui e visitantes doutras localidades galegas. Un total de máis de 500 persoas participaron nas catro visitas celebradas os días 5, 13, 26 e 27 de setembro.
A colaboración co Cine Club Tui permitiu a proxección de dúas películas temáticas: o documental “Adio Kerida” (2002) de Ruth Behar o xoves 10, e o filme “Lacombe Lucien” de Louis Malle o xoves 17. Ambas proxeccións contaron coa participación de máis de oitenta persoas.
O programa tamén incluíu conferencias dos historiadores Suso Vila e Wanda Teplisky, así como a presentación do libro “Las llaves de Sefarad” de Javier Bona, que reuniron a máis dun centenar de asistentes.
Destacou a exposición “La colección de sambenitos de la catedral de Tui: historia, memoria e infamia”, que tras pasar por Madrid, Llerena e Ávila, estivo exposta en Tui e proximamente viaxará a Plasencia. Esta mostra foi visitada por diversos grupos escolares do municipio.
Ademais, celebrouse un concurso de fotografías convocado pola Red de Juderias e unha exposición bibliográfica e audiovisual na biblioteca de cinema “Daniel Domínguez” sobre autores xudeus e a súa cultura.
A concelleira de Turismo e Patrimonio, Ana María Núñez, sinalou que os obxectivos de poñer en valor a diversidade e importancia histórica do acervo xudeu da cidade cumpriuse "altamente", agradecendo a participación cidadá.
Núñez destacou que esta programación contribúe á difusión do patrimonio cultural tudense, onde o legado xudeu ten especial relevancia. A integración de Tui na Red de Juderias de España – Caminos de Sefarad no ano 2019 reforza esta difusión, sendo a única localidade da provincia de Pontevedra na rede.




