O alcalde, Enrique Cabaleiro, e a concelleira de Formación e Emprego, Ana Núñez, coñeceron esta semana as instalacións de Delikia Fresh no Parque Empresarial de Areas, onde a compañía desenvolve a súa actividade de recuperación e reacondicionamento de máquinas expendedoras dende hai case dous meses. Foron recibidos por Manuel Quelle, CEO e director xeral da compañía, e polo seu equipo técnico, entre os que se atopan María José Arellano, responsable de Sostenibilidade e Medioambiente; Alfredo Alcántara, director oficina de proxectos; Estefanía Moreno, coordinadora da oficina de proxectos e Rosina Celada, directora de Marketing e Comunicación. Tamén participou Roberto Pardo, CEO de Plaintec, empresa responsable da execución da nave industrial.
Durante a visita, os representantes municipais coñeceron de primeira man o funcionamento da empresa e os proxectos que está a desenvolver en Tui. Manuel Quelle e o seu equipo explicaron que neste novo centro de traballo xa se recuperaron e devolvéronse ao mercado máis de 160 máquinas. A empresa aposta pola innovación e a economía circular, contribuíndo á redución de residuos industriais e electrónicos mediante a reutilización de equipos e o aproveitamento de compoñentes.
O alcalde, Enrique Cabaleiro, destacou a importancia de que empresas con capacidade de crecemento elixan Tui para desenvolver novos proxectos, xa que cada nova implantación fortalece a economía local, xera actividade e crea emprego. Subliñou o papel estratéxico do Polígono Industrial de Areas como motor económico de Tui e da comarca do Baixo Miño, e sinalou esta iniciativa como un exemplo de como a actividade económica e o emprego poden ir da man dunha utilización máis responsable dos recursos e dunha maior conciencia ambiental.
Pola súa banda, a concelleira de Emprego, Ana Núñez, indicou que a implantación de Delikia en Areas supón unha nova aposta empresarial polo municipio e unha contribución ao fortalecemento do tecido económico e industrial. A chegada desta compañía galega consolidada reforza o atractivo do parque empresarial tudense como espazo para o investimento e a creación de oportunidades laborais. Ana Núñez tamén destacou a creación de 20 postos de traballo directo na delegación tudense, que abarcan distintas áreas como o mantemento técnico, o almacén, a recuperación de maquinaria e xestión e soporte.
Delikia é unha compañía galega con máis de 35 anos de experiencia no sector da alimentación e do vending, especializada na distribución de produtos alimentarios e bebidas mediante máquinas expendedoras. Conta con máis de 600 profesionais, máis de 16.000 máquinas instaladas en España e unha ampla rede de delegacións. A súa actividade tamén inclúe a elaboración de produtos frescos, café de especialidade e innovación tecnolóxica.




