A iniciativa foi recoñecida polo seu pulo sostido do talento e a innovación para reforzar a ciberseguridade no ecosistema da empresa galega. Susana Rey, da Oficina de Privacidade de R, acompañada de María Llorente, de Marketing Empresas de R, e dos directores da cátedra, Ana Fernández Vilas (UVigo) e Carlos Dafonte (UdC), recolleu o galardón durante a primeira xornada de CIBER.gal 2026, o Encontro galego de Ciberseguridade organizado pola Amtega.
Susana Rey agradeceu a distinción, destacando a colaboración público-privada e o traballo conxunto ao longo destes oito anos. A Cátedra R en Ciberseguridade, creada en 2018, mantén os seus obxectivos de captar talento TIC, fomentar a investigación, a transferencia tecnolóxica e a divulgación, con énfase na innovación e aplicación práctica no mundo da empresa.
Entre os resultados alcanzados, destacan a participación de máis de 500 estudantes en actividades formativas e divulgativas, máis de 20 accións de divulgación técnica e social, máis de 15 premios académicos concedidos e 9 contratos indefinidos xerados a partir de prácticas curriculares. Tamén se fomentaron espazos de colaboración con entidades como CITIC, atlanTTic, Gradiant, Microsoft, Finsa, Imatia e Hijos de Rivera.
A cátedra destina o 70% da súa dotación económica a bolsas e prácticas curriculares e extracurriculares en R para estudantes de grao e mestrado, e o 30% restante a actividades de visibilidade e fortalecemento institucional. Consolidouse como referente en Galicia organizando eventos pioneiros e participando en diversas iniciativas e competicións técnicas.




