A alcaldesa de O Rosal, Ánxela Fernández Callís, foi invitada ao Comité Europeo das Rexións para expor a experiencia do municipio en materia de enerxía e sostibilidade, reclamando financiamento directo para os pequenos concellos. O Rosal xestionou máis de 5 millóns de euros de fondos europeos nos últimos cinco anos.
A localidade presentou exemplos como a recuperación de espazos públicos, escolas rurais máis confortables, un 60% de aforro no alumeado público e a organización veciñal para producir e xestionar a súa propia electricidade. Estes proxectos demostran a capacidade dos pequenos municipios para liderar grandes transformacións enerxéticas.
Na súa intervención no seminario ‘Developing Resilient Regional and Local Energy Communities in the EU’, Fernández Callís destacou que os fondos Next Generation EU permitiron desenvolver proxectos ambiciosos de eficiencia enerxética e sustentabilidade, mellorando a vida da veciñanza.
A rexedora salientou que o financiamento europeo se traduce en resultados concretos e visibles que a poboación percibe no seu día a día, transformando o territorio e respondendo ás necesidades reais.
Tamén se puxo o foco na creación de O Rosal Enerxía, unha comunidade enerxética local que busca un modelo enerxético sostible e participativo, onde a cidadanía ten un papel activo na produción, toma de decisións e xestión colectiva da enerxía.
Fernández Callís reivindicou que os fondos europeos cheguen de maneira máis directa aos concellos, xa que a súa capacidade de transformación multiplícase cando se reproducen en milleiros de municipios europeos, construíndo políticas eficaces desde o propio territorio.




