A programación cultural do Concello da Guarda continúa mañá cunha proposta centrada na música, o baile e a tradición galega. O Auditorio de San Benito será o escenario, a partir das 20:00 horas, para a actuación de Os Coribantes de Buchabade, que chegan á localidade dentro da súa xira "Lembranzas".
A formación, orixinaria da parroquia de Buchabade, en Ponte Caldelas, creouse no ano 2005 e converteuse nunha referencia da música tradicional na provincia de Pontevedra, destacando pola recuperación e renovación do folclore galego.
Os Coribantes distinguense por unha proposta que transcende o formato habitual de banda de gaitas. As súas actuacións mesturan música e baile, incorporando ademais de gaitas, pandeiretas e tambores, instrumentos como guitarras, baixo, batería, violín, teclado, acordeón, saxofóns e trompetas. Esta fusión permite crear espectáculos de folk que combinan a tradición galega con sonoridades contemporáneas.
O grupo está composto por persoas de diversas idades e concellos da comarca de Pontevedra. Actualmente, conta con preto dun centenar de integrantes entre a banda principal e os grupos de iniciación, que tamén participan en actividades de baile, gaita, pandeireta e canto.
Ao longo da súa traxectoria, Os Coribantes de Buchabade teñen actuado en numerosos escenarios de Galicia, España e Portugal, participando en intercambios culturais e encontros musicais. O seu traballo de mestizaxe entre a tradición e as novas influencias consolidou unha identidade propia e unha presenza significativa no panorama cultural galego.
A súa visita á Guarda coincide cun momento relevante para a agrupación, xa que están nomeados aos Premios Rebulir da Cultura Galega 2026 na categoría de Música Galega, un recoñecemento ao seu labor de difusión da cultura galega.
O concerto deste sábado representa unha oportunidade para gozar en directo dunha formación que, sen perder as súas raíces na música tradicional galega, aposta pola evolución e a incorporación de novas sonoridades, nun espectáculo apto para todos os públicos.




