Os Servizos de Gardacostas de Galicia decomisaron un total de 267 quilos de polbo e 561 aparellos, como cacharros e alcatruces, considerados ilegais. Estas actuacións realizáronse en diversos controis levados a cabo na Ría de Arousa e na zona da Guarda, poucos días antes da reapertura da campaña do polbo, fixada para o mércores 1 de xullo, despois dun período de veda.
A maior parte das intervencións concentráronse na costa da Guarda. Alí, os efectivos incautaron 450 aparellos que contiñan 175 quilos de polbo, o cal foi devólto ao mar. Na Ría de Arousa, os axentes levantaron nove actas, seis por incautación e tres por presuntas infraccións, froito dun despregamento coordinado entre a Unidade Operativa (U.O.) de Vilaxoán e os Servizos Centrais.
Destacou un operativo nas zonas de Defragueiras e Negreiriñas, onde se tramitaron dúas actas de incautación que resultaron no decomiso de 51 aparellos e 48 quilos de polbo. Noutras áreas como Taragoña e As Negreiras, rexistráronse tres actas por presunta infracción, retirándose 28 nasas para voitrón, 40 cacharros, seis quilos de polbo e outros seis de choco. A unidade de Arousa completou o balance na Mesa do Con, localizando e retirando unha cacea con 20 nasas sen identificar que contiñan sete quilos de polbo e dous de nécora.
Pola súa banda, a U.O. de Servizos Centrais actuou en zonas intermareais e no canal de Pedregoso e Pedra da Loba, atopando artes de pesca sen balizar nin identificar. Esta operación saldouse coa incautación de 12 nasas para polbo, 60 nasas para camarón e 25,1 quilos de polbo. Ademais, nun control en Pedras Negras, retirouse unha cacea de alcatruces con 20 aparellos e 7,4 quilos de capturas, tamén devoltas ao mar.
Paralelamente, a Unidade Operativa de Vigo levantou unha acta de incautación contra descoñecido preto do Cabo Silleiro, na Ría de Vigo. Retiráronse 33 pezas de redes de enmalle utilizadas ilegalmente, que contiñan tres quilos de rodaballo, dous de raia e un de centola, especies que foron reintroducidas no mar. A Unidade Operativa de Portosín, en Corrubedo, interveu 81 pezas de miños (4.500 metros), xunto con 15 quilos de raia, 25 de xuliana, sete de boi de mar e 0,5 de lagosta.




